Dentro da programación do FESTIBAM tamén fixemos entrega de dous dos recoñecementos que outorgamos cada ano: o do usuario da Biblioteca de Betanzos con máis préstamos e o do premio ao mellor amigo ou amiga da BAM Betanzos no último ano.
No primeiro recoñecemento a premiada foi Martina Soto, unha veciña de dous anos que foi a usuaria que máis préstamos realizou no último ano natural. Martina é unha usuaria que practicamente todos os días visita a biblioteca e aproveita ao máximo os recursos da nosa sección de infantil. Queremos dende aquí agradecer profundamente a labor dos seus pais, xa que son os encargados tanto de traela como de lerlle todas as lecturas que levan en préstamos para casa.
E neste 2026 a persoa recoñecida co premio BAMig@, empregado para recoñecer a labor dalgunha persoa vinculada voluntariamente ao traballo diario da nosa institución, foi para Ánxela Fernández. Se no 2025 a premiada era Mar Nieves, veciña que dende fai anos e de maneira voluntaria xestiona un dos clubes de lectura da biblioteca, nesta ocasión o recoñecemento foi para Ánxela por dirixir nos últimos dous anos o grupo de teatro Saraiba, organizado a través do Museo das Mariñas e que ademais de realizar os seus ensaios semanais dentro das nosas dependencias, tamén son as encargadas de realizar as visitas teatralizadas.
Dende a BAM Betanzos queremos agradecer a estas dúas mulleres a súa vinculación diaria con nós, xa que son un exemplo de como encher de vida e de contidos o día a día do museo e da biblioteca.




