Durante os venres 15, 22 e 29 de maio e o venres 5 de xuño, en horario de 17:30 a 19:00h a Biblioteca de Betanzos desenvolverá o taller de robótica educativa Micro:Bit, organizado pola Biblioteca da Deputación da Coruña no seu esforzo de levar actividades a todas as bibliotecas da provincia.
Ademais da asegurada diversión, os nenos e as nenas practicarán a motricidade fina, tendo un primeiro contacto coa robótica, aprenderán conceptos de mecánica a través da montaxe e posta en marcha dos robots.
A rapazada poderá introducirse na linguaxe da programación, vendo reforzada a importancia de traballar cunha gramática, unha semántica e un léxico correctos. Tamén se potenciará neste obradoiro o piar fundamental das matemáticas, ben a través de operacións coñecidas e estruturas novas ou ben coa necesidade que nos impón a
programación de volvernos máis analíticos e racionais.
Así mesmo, abordaranse conceptos básicos doutros campos como a física. Fomentarase o traballo cooperativo, terán que comunicarse activamente, chegar a puntos de encontro en canto a como se van a tratar os problemas, complementando debilidades e fortalezas dos e das integrantes.
Por último, coa presentación dos proxectos feitos ante os demais participantes, traballarán a comunicación en público, habilidade cada vez máis importante e necesaria no desenvolvemento escolar, social e profesional pois implica a capacidade de comunicación con eficacia cos demais. Ao practicar esta destreza, aprenden a organizar e estruturar as súas ideas, a argumentar, escoitar e respectar as opinións dos demais, a desenvolver o pensamento
crítico e, sobre todo, a gañar autoconfianza.
O obradoiro conta con 12 prazas, reservados para nenos e nenas de 10 a 12 anos, e a inscrición obriga a asistir a todas as sesións. A inscrición pode realizarse enviando un correo a biblioteca@betanzos.gal ou a través da folla de contacto desta web.




