Esta semana recibimos unha nova doazón de materiais no Arquivo Municipal de Betanzos e no Museo das Mariñas. Trátase de parte do legado da familia Martínez Santiso, cunha gran cantidade de documentos procedentes do arquivo persoal de Francisco Javier Martínez Santiso, unha das figuras máis curiosas do panorama cultural brigantino no salto do XIX ao XX.
A doazón foi efectuada pola propietaria dos documentos e colaboradora habitual da BAM Betanzos, Marisa Rivas Veiga, quen se trasladou a Betanzos para facer efectiva a doazón do conxunto documental.
Entre as pezas destacan, sobre todo, un importante conxunto de fotografías que axudarán a completar o arquivo fotográfico dos Santiso co que xa contabamos; todo tipo de documentos manuscritos de Francisco Javier, dende estudos xeográficos dos picos máis altos da zona a estudos históricos de diferentes parroquias; papeis soltos das súas numerosas actividades sociais, no que destacan folletos de mitins políticos, convites do Liceo Recreativo ou partituras cas melodías das danzas gremiais.
Ademais da documentación, a doazón estaba composta tamén por unha pintura realizada sobre unha paleta de pintor, técnica xa empregada noutras ocasións polo pintor betanceiro e mestre doutros pintores e pintoras na vila, como o caso da súa filla, Rosina Martínez Barral, Olimpia Tourné ou Francisca L. Zuloaga.
Dende a BAM Betanzos queremos agradecerlle a Marisa a súa axuda constante e a súa confianza para doar á nosa institución este legado co que seguir afondando na nosa historia máis recente.
BAM
A BAM Betanzos colabora con diferentes documentais
Proxéctanse estes días varios documentais nos que colaboramos dende o Museo das Mariñas, a Biblioteca e o Arquivo Municipal de Betanzos