Comezan as actividades da Universidade Popular de Betanzos.
Co gallo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o vindeiro 9 de xuño, a UPB comeza unha andaina de charlas, obradoiros e actividades para tratar de achegar a cultura a todos os públicos e todas as idades de Betanzos.
A idea comeza ca celebración dun ciclo de tres obradoiros, o TRIVIUM: OS NOSOS ARQUIVOS, organizando tres talleres que axuden á veciñanza a introducirse na búsqueda de información nos arquivos municipais.
Dirixidos por Ángel Arcay e Daniel Mena, celebrarase un primeiro encontro o sábado 7, orientado a atopar información sobre unha vivenda no Arquivo Municipal, reconstruindo así as historias das casas da cidade, como na exposición temporal do Museo das Mariñas “As casas de Betanzos na historia”.
O seguinte será o xoves 19 e será un obradoiro de Paleografía, a disciplina que nos axuda a ler todo tipo de letras antigas na documentación do arquivo. Con prácticas sinxelas, os participantes aprenderán a descifrar todo tipo de textos dos últimos séculos. Por último, o xoves 26, o taller estará pensado en reconstruir as xenealoxías de cada familia, apoiándonos na documentación conservada no Arquivo Municipal.
O proxecto da Universidade Popular de Betanzos é unha idea subvencionada pola Xunta de Galicia e impulsada pola Asociación Sociocultural Zona Hadal.