Este venres tivo lugar unha doazón moi especial no Museo das Mariñas. A iniciativa partíu novamente de María Dopico, quen xa tiña doado ao museo os xogos de postais orixinais do Parque do Pasatempo, e que regresou novamente ata o museo mais desta volta acompaña das súas sobriñas Águeda, Aine e Alicia.
As catro fixeron entrega dunha obra da súa propiedade, un debuxo do adro de Santa María e da igrexa de San Francisco realizado polo artista húngaro Zoltan.
E seguramente moitos e moitas aínda lembrarán a este home vagando polas rúas da nosa cidade, cos lápices sempre preparados para retratar paisaxes e veciños. Zoltan Varga-Haszonits, filólogo pola Universidade de Budapest, foi unha persoa querida e recoñecida en Betanzos, colaborador do Anuario Brigantino e con gran habilidade para a transcrición de documentos antigos.
Despois dunha vida chea de altibaixos, finalmente faleceu en Pontevedra o 14 de marzo do 2010.
Ata o momento, o Museo das Mariñas non contaba con ningunha obra da súa autoría, sendo polo tanto esta doazón un motivo de alegría, que permitirá amosar a obra de Zoltan xunto a de outros homes e mulleres que pintaron a nosa cidade.
Dende o Museo das Mariñas queremos agradecerlle especialmente esta nova doazón a María por contar para o acto cas súas sobriñas, implicando á veciñanza máis nova na vida diaria do museo e sendo protagonistas de todo o acto da doazón de pezas para o goce de toda a veciñanza. Ao igual que María, Águeda, Alicia e Aine asinaron a acta de doazón e axudaron logo a gardala nas dependencias do Arquivo Municipal.




