Uns días despois de coñecer que os Paseos Librescos organizados pola Biblioteca Municipal de Betanzos foran recoñecidos cun dos Premios María Moliner de animación á lectura do Ministerio de Cultura, recibimos outra boa nova: a Xunta de Galicia escolleu o noso proxecto coma merecedor do I Premio Bibliotecas que Inspiran para municipios de máis de 10.000 habitantes.
Entre as valoracións feitas polo tribunal que outorga o premio, composto por compañeiros e compañeiras doutras bibliotecas galegas, o xurado resaltou as seguintes cuestións:
• A calidade técnica e organizativa do proxecto, reflectida nun deseño coidado, con obxectivos claros e indicadores de avaliación axeitados.
• A aposta decidida por un enfoque innovador, que combina tradición e modernidade, integrando as dinámicas presenciais e a participación cidadá.
• O compromiso firme coa promoción da lectura, que sitúa a biblioteca como centro clave na vida local, espazo de unión social e ferramenta para o benestar da veciñanza.
• O acceso universal á cultura, que entende as bibliotecas non como meros espazos de custodia documental, senón como centros vivos de aprendizaxe, creatividade, diálogo e transformación social.
O informe do xurado tamén valorou o papel que desempeña a Biblioteca Municipal A. Castelao na promoción dun modelo de biblioteca pública inclusiva, aberta á diversidade e atenta ás necesidades reais da cidadanía. Explicaron na súa valoración que o impacto do proxecto premiado transcende o ámbito local, e constitúe unha referencia inspiradora para outras entidades locais e centros bibliotecarios.
E dende a Biblioteca non podemos estar máis contentos con este doble galardón a un proxecto que desenvolvimos durante todo o curso anterior pero que queremos manter tamén no 2025-2026.
A entrega do premio, que leva parella unha dotación económica de 3.000 para a mellora da biblioteca, terá lugar o vindeiro martes 28 no I Xornada Internacional de bibliotecas públicas Galicia – Norte de Portugal, a onde acudirán a Alcaldesa, María Barral, e o director da Biblioteca e promotor da iniciativa, Ángel Arcay.




