“Os libros, as letras e as bibliotecas de Betanzos”, celebrado o Día das Bibliotecas do 2024; “Amor, desamor e paixón polas rúas de Betanzos” que coincidiu co San Valentín; “Betanzos e a gran pantalla” para celebrar o Día do Cine; “O arquivo e os arquivos de Betanzos” para celebrar o Día Internacional dos Arquivos; “Betanzos na II República” ou “Arte e artistas en Betanzos” son, entre outros, algúns dos Paseos Librescos celebrados no curso 2024-2025.
Por esta iniciativa, a Biblioteca Municipal A. Castelao de Betanzos acaba de ser galardoada cun dos premios María Moliner de animación á lectura que cada ano outorga o Ministerio de Cultura. Xunto co galardón, a biblioteca betanceira recibirá unha axuda económica de 2.777,77€.
Os Paseos Librescos era unha iniciativa desenvolvida polo director da Biblioteca, Ángel Arcay, nunha acción con dos partes diferenciadas: unha primeira na que se guiaba ao grupo a través dunha mostra bibliográfica, que moitas veces ía acompañada de materiais do Arquivo Municipal e de pezas do Museo das Mariñas. Unha vez revisados os libros, a maior parte das veces procedentes do fondo local, comezaba un paseo pola cidade perseguindo outras historias que permanecían nos libros pero que non sempre eran tan coñecidas.
É a primeira vez que a Biblioteca de Betanzos obtén este premio na súa historia!




