Dende abril a xullo gozaremos no Museo das Mariñas ca exposición “As casas de Betanzos na historia”, unha mostra comisariada por Daniel Mena Acevedo con fondos propios do Arquivo Municipal de Betanzos, da Biblioteca Municipal de Betanzos e do Museo das Mariñas.
Daniel Mena, bolseiro da Xunta de Galicia no Arquivo Municipal de Betanzos, realiza un repaso á historia das casas na cidade a través de diferentes documentos onde podemos coñecer todo tipo de curiosidades, dende detalles arquitectónicos, decoración ou modos de propiedade, nunha sala decorada para tal fin con obxectos procedentes de vivendas particulares da cidade.
A mostra documental e de obxectos conta tamén cun interesante apartado fotográfico dende o que podemos apreciar diferentes características da arquitectura brigantina no último século.