O Museo das Mariñas incorpora unha obra de Teófila Sasiaín aos seus fondos

COMPARTIR EN:

A obra, doada por Juan María García Otero, é a primeira desta pintora que deixou unha fonda pegada na cidade

Biblioteca

Arquivo

museo

O Museo das Mariñas incorpora unha obra de Teófila Sasiaín aos seus fondos

A obra, doada por Juan María García Otero, é a primeira desta pintora que deixou unha fonda pegada na cidade

Tabla de contenidos

O Museo das Mariñas pechou a incorporación dun cadro da pintora coruñesa Teófila Sasiaín (1900-1978) aos seus fondos. Esta obra, presentada pola Alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o director do Museo, Ángel Arcay, foi doada por Juan María García Otero. Trátase dun óleo co que a pintora agasallou aos pais do doante, durante os seus anos de estancia en Betanzos.

Teófila foi unha pintora que comezou a destacar dende os anos finais da II República, formándose na Escola de Artes e Oficios da Coruña e na madrileña Escola de Belas Artes de San Fernando, onde foi bolseira da Deputación Provincial da Coruña. Participou desa xeración de pintores e pintoras que despuntaron con diferentes mostras durante os anos da ditadura, chamando a atención dos críticos polas súas escenas costumistas, o protagonismo das figuras femininas e o seu debuxo de trazo nervioso.

Na década dos cincuenta Teófila chega a Betanzos para exercer a docencia. Entre 1953 e 1958 foi profesora de debuxo no Instituto Francisco Aguiar, onde tamén colaborou ca revista Albor, editada polo centro. Dende a súa residencia na rúa da Cerca, moitos son os veciños e veciñas que aínda a recordan pintando no seu balcón.

A vida de Teófila era todo un misterio para os historiadores e historiadoras da arte porque a partir da década dos sesenta desaparece abruptamente da escena artística. A explicación atopouse moitos anos despois, ca publicación do libro do cincuenta aniversario do Instituto Francisco Aguiar, onde a profesora Carmen González Madrid explicaba que fora daquela pintora que pasou varios anos da súa vida na cidade do Mandeo:

«Sin dejar de recordar a ninguno de los que se han ido, fjiar especialmente mi atención en una profesora totalmente olvidada, Teófila Sasiaín, profesora que fue de Dibujo en los primeros años de vida del Instituto, que me legó un excepcional retrato de mi hijo, todavía de once meses, pintado al oleo y encuadrado en un hermoso paisaje romántico. Abandonada por todos, aquella admirable y exaltada pintora a la que acogí muchas veces en mi casa, murió en un Centro psiquiátrico sin el amparo y el cariño de su propia familia»

Con este cadro, o Museo das Mariñas sigue incrementando a presenza na súa exposición permanente de obras de arte realizadas por mulleres. Nos dous últimos anos ampliouse este apartado, rescatando do esquecemento a pintoras que gardaron certa relación con Betanzos no pasado século, como son o caso de Olimpia Tourné, Rosina Martínez ou Sofía Feliú.

COMPARTIR EN:

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Telegram
Email

TAMBIÉN PODRÍA INTERESARTE:

Ir o contido